O novo goberno de Ribeira saca adiante a súa proposta de organización

RIBEIRA> Nun pleno extraordinario e urxente celebrado na noite de onte, o novo executivo ribeirense foi quen de sacar adiante a súa proposta de goberno para o que resta de mandato. Fíxoo co respaldo de 14 dos 21 edís da corporación.

Ós dez edís do PP e ós 3 edís do PBBI que conforman o goberno, sumóuselles tamén o apoio da edil do grupo de non adscritos, Tania Redondo. O resto de concelleiros abstivéronse.

A proposta presentada inclúe un total de cinco dedicacións exclusivas e dúas parciais que suman un importe total anual de 245 mil euros.

As exclusivas corresponderanlle á propia rexedora, María Sampedro, ós tenentes de alcalde, Vicente Mariño, Herminia Pouso e Ana Barreiro, e o edil de Deportes, Álex Vidal; mentres que as parciais serán para o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, e o de Medio Ambiente, Víctor Reiriz. Dende o goberno defenderon a súa proposta, que no seu conxunto suporá un aforro en máis dun 13% con respecto ó goberno anterior.

Na sesión tamén se aprobou a contratación do persoal eventual tanto de comunicación como de secretaría de alcaldía e deuse luz verde a outros puntos relativos á organización do Concello como é o caso do nomeamento dos integrante Xunta de Goberno Local, a composición das Comisións Informativas, a representación nos órganos colexiados e a Mesa Permanente de Contratación.

Precisamente sobre este punto o BNG e o PSOE afeáronlle ó novo goberno a decisión de introducir cargos políticos na mesa de Contratación, para eles un órgano clave para o funcionamento do Concello.