PONTEVEDRA> Amencer Aspace recoñece as dificultades que para a asociación supón que a Xunta non amplíe o número de prazas concertadas na residencia que xestionan en Pontevedra. Aínda que conta con 32 prazas para atender a persoas con parálise cerebral, dende a súa posta en funcionamento só 12 contan con concerto autonómico.
Amencer-ASPACE continúa agardando a que a Xunta cumpra o seu compromiso coa asociación: ampliar o número de prazas concertadas na residencia para persoas con parálise cerebral que o colectivo xestiona en Pontevedra.
Foi o concello de Pontevedra quen sufragou a reforma do Centro Sur que actualmente acolle estas instalacións que contan con 32 prazas. Comezaron a funcionar no ano 2024. Inicialmente foron 12 as prazas concertadas coa Xunta, que se comprometeu a ampliar esta cifra.
Unha situación que está a asfixiar economicamente a Amencer-ASPACE.
Segundo explican dende a asociación, o último compromiso da Xunta foi asinar a ampliación destas prazas concertadas a finais de ano. Algo que dende Amencer acollen con prudencia.
Xornada solidaria este sábado
Para paliar estas dificultades económicas polas que atravesa a asociación, este sábado 25 de outubro celebrarase na cidade o evento ‘Pontevedra cinco sentidos’. Unha xornada solidaria cunha proposta inmersiva para dar visibilidade ao traballo de Amencer-ASPACE, ás persoas con parálise cerebral.
Hai 120 prazas dispoñibles que estarán divididas en cinco grupos. A actividade ten un custo de 12 euros para os adultos e de seis para os cativos de menos de 12 anos. Ademais, todos os participantes entrarán nun sorteo solidario con experiencias sustentables nas Rías Baixas e unha estancia nun pazo histórico de Galicia.
As inscricións para as visitas guiadas e a merenda estarán abertas ata completar capacidade e deben realizarse a través da web www.amencer-aspace.com. O evento conta tamén con fila cero dispoñible, para que os que non poidan asistir poidan facer igualmente o seu donativo.











