Bo inicio da campaña do ourizo en Aguiño cun prezo medio de 11 euros

RIBEIRA> O arranque da campaña do ourizo en Aguiño augura boas expectativas ós mariscadores. Na primeira xornada subhastáronse dúas toneladas de recurso e o prezo medio da especie superou os 11 euros durante a primeira xornada. 

Preto dun cento de mariscadores de Aguiño teñen depositadas as súas esperanzas na campaña do ourizo que arrancaba este luns. Durante as primeiras xornadas, os profesionais comprobaron que non hai demasiado recurso; sen embargo, os prezos acompañaron cunha media de 11 euros.

Este ano, o tope é de 20 quilos por tripulante cun máximo de 60 por embarcación. Acordouse ademais establecer un prezo mínimo de 10 euros polo que, de cotizar por baixo dese límite, os mariscadores non sairían na seguinte xornada.

A campaña componse de 40 días de traballo que, soen concentrase entre febreiro e abril.  De non esgotarse, reservaríanse para finais de ano compaxinándoo con outros recursos.