Descendo o índice de criminalidade na Pobra con respecto ó pasado ano

POBRA> O incremento dos roubos nas últimas semanas foi tamén un dos asuntos abordados durante a celebración da Xunta Local de Seguridade na Pobra. Na xuntanza, presidida pola nova subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, analizouse tamén a coordinación das diferentes forzas de seguridade durante as festas do Nazareno que darán comezo este próximo venres. O alcalde Xosé Lois Piñeiro mandou un mensaxe de tranquilidade despois da alarma suscitada entre os empresarios da vila e a propia veciñanza pola vaga de roubos acometidos nas últimas semanas. Segundo el as forzas da orde, tanto Garda Civil coma Policía Local, están a intensificar a vixilancia estes días. E é mais, segundo el, as investigacións realizadas xa deron os seus froitos coa detención de varias persoas implicadas nestes feitos. A pesar deste pequeno repunte no número de roubos nos últimos meses, o rexedor fixo referencia a que a evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio vén a evidenciar todo o contrario, e o índice de criminalidade ó longo do presente ano ten descendido considerablemente para situarse nunha porcentaxe do 29,05 delitos por cada mil habitantes. A Xunta Local de Seguridade estaba convocada, coma de costume, para analizar en profundidade a coordinación dos diferentes efectivos de seguridade durante as festas do Nazareno que darán comezo este próximo venres, con especial incidencia durante a celebración da procesión das mortallas do domingo.