NOIA> Noia inaugurou este venres o seu Nadal co acendido do alumeado e unha chocolatada. O programa deste ano inclúe moitas novidades como o primeiro mercado de Nadal, a festa pre-fin de ano e a visita de Papá Noel ás parroquias.
Xa é Nadal en Noia. As festas arrancaron oficialmente este venres co acendido das luces que inaugura un calendario repleto de actividades con moitas novidades. Entre as principais destaca o mercado de Nadal que encherá o casco histórico de postos de artesanía, alimentación e demais produtos típicos destas datas.
Os nenos serán os principais protagonistas destes días cheos de maxia con obradoiros, animación de rúa e a visita de personaxes tan queridos como O Apalpador, O Grinch e Papá Noel que percorrerá tamén tódalas parroquias do municipio.
Outra das novidades deste ano será a celebración especial de ano cunha festa e badaladas xa pola mañá na praza do concello. Pola noite, aqueles que aínda desexen seguir coa celebración poderán facelo nunha carpa climatizada que se instalará na Praza do Curro con animación de Disco Chocolate. O programa complétase cunha ampla oferta musical e actividades de dinamización de rúa. O broche de ouro será o día 5 coa recuperación dunha cabalgata de Nadal á altura dunha vila como Noia.











