Un veciño de Noia esixe a retirada duns postes de telefonía que invaden a súa propiedade

NOIA> Un veciño de Noia denuncia a existencia de varios postos de telefonía que invaden a súa propiedade. A pesar de que contactou coa compañía e ofreceuse a ceder parte da súa finca para o traslado, segue sen resposta dous anos despois.

Carlos Gómez leva tempo loitando pola retirada destes postes de telefonía situado ó carón da súa finca e moi preto da estrada, co consecuente risco para a seguridade. Ó longo dos últimos dous anos e medio contactou coa compañía que enviou ós técnicos a supervisar a instalación. Dende entón, e a pesar da súa disposición a ceder parte do seu terreo para instalar os postes na parte traseira, non recibiu resposta.

Non é este o único problema que denuncia nas inmediacións da súa vivenda. Xa presentou un escrito ante o concello de Noia e Augas de Galicia para evitar o recheo dunha zona de servidume e regadío que dá servizo a tódalas fincas colindantes.

Tamén solicita ó concello que negocie cos propietarios dunha finca para poder finalizar un camiño que está sen rematar no treito final.