Santiago Freire releva a Teresa Villaverde á fronte da Asociación do Camiño da Ría de Muros-Noia

NOIA> Santiago Freire vén de ser elixido coma presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia. Freire susbstitúe neste cargo á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que presentara xa a súa renuncia na última asemblea da entidade celebrada en xullo.

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia celebrou unha asemblea xeral extraordinaria na casa consistorial noiesa coa finalidade de renovar a xunta directiva da entidade. Tan só se presentou unha candidatura, de consenso, encabezada polo alcalde de Noia, Santiago Freire. A súa elección foi por unanimidade.

Freire substitúe no cargo á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que ocupaba ata de agora a presidencia da entidade, pero que presentou a súa renuncia o pasado mes de xullo debido a motivos persoais. Na xunta directiva, o rexedor noiés, estará acompañado por Guarina Rey, concelleira de Turismo de Brión, como vicepresidenta; María Lago, alcaldesa de Muros, como secretaria; Manuel González, alcalde de Outes, como tesoureiro e Esteban Ares, primeiro tenente de alcalde de Lousame, coma vogal.

Na reunión fíxose un recoñecemento ó traballo realizado pola anterior xunta directiva, personificado na súa presidenta, baixo cuxo mandato se puxo en marcha a Asociación, se definiu a historicidade do Camiño, se conseguiu o seu recoñecemento pola Igrexa e se iniciaron os traballos de restauración e a sinalización do mesmo, entre outras iniciativas. Na xuntanza tamén se marcaron os próximos obxectivos da entidade que deben pasar por darlle un novo impulso ó Camiño de Santiago da Ría de Muros-Noia, chegando a acadar a súa oficialización como ruta xacobea por parte da Xunta de Galicia.