O concello de Meaño dá por rematada a obra de humanización da rúa Herminia Fariña

MEAÑO> A rúa Herminia Fariña, no concello de Meaño, xa loce imaxe renovada. O concello deu por rematas as obras de humanización deste importante vial: 210 metros que unen o centro meañés co colexio As Covas, o centro de saúde e o almacén municipal. A obra, que mellorou a seguridade viaria e a accesibilidade na zona, supuxo un investimento duns 500.000 euros.

En Meaño, a contorna do centro de saúde, o colexio As Covas, o centro de maiores e o pavillón municipal de deportes xa loce imaxe renovada. O concello deu por rematadas as obras de humanización da rúa Herminia Fariña.

A nova rúa, de 210 metros de lonxitude, mantén a circulación en dobre sentido, con velocidade limitada a 20 quilómetros por hora. Unha aposta pola seguridade viaria, tendo en conta a gran afluencia de peóns que se rexistra cara o centro de saúde e o colexio.

Ademais, a actuación habilitou tamén novas zonas verdes e de humanización, con beirarrúas de formigón ás dúas beiras da estrada e tres pasos de peóns pintados de cor granate.

O proxecto contou cun orzamento de ao redor dos 500.000 euros, e foi financiado ao 50% entre o concello e a Xunta de Galicia.