Así se viviu o apagón nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas

PROVINCIA DE PONTEVEDRA> Normalidade en toda a nosa contorna logo do gran apagón deste luns que deixou ás escuras a Península Ibérica. Imos repasar que pasou pola nosa contorna. Comezamos nas comarcas da provincia de Pontevedra. Aquí na maioría dos municipios o subministro eléctrico volvía de madrugada.En zonas da cidade de Pontevedra sobre a 1, na Illa ou Vilagarcía sobre as 4, en Poio case ás 5 ou en Cambados case ás 6. Noutros concellos, como no de Sanxenxo ou O Grove, a luz non regresaba ata as 8 e media desta mañá. Durante a noite, nos municipios reforzouse a presenza policial e dos efectivos de emerxencia para garantir a seguridade da poboación.  

Estas imaxes foron gravadas en Vilagarcía tan só uns minutos despois de que todo comezase. Eran pouco máis das doce e media da mañá e unha das primeiras mostras do que estaba por vir era a falta de semáforos. Tamén moita xente que se botaba á rúa porque no seu centro de traballo non tiñan electricidade.

Ao momento comezaban a soar as sirenas da Policía e os servizos de emerxencias. Só na cidade de Vilagarcía houbo que atender 12 persoas que quedaron atrapadas en ascensores, así como axudar a veciños con problemas de mobilidade para acceder ás súas vivendas ou levalos a tratamentos médicos como a diálise.

Situación semellante noutros moitos concellos destas comarcas, con reforzo da policía e dos servizos de protección civil. En Cambados, por exemplo, montouse un dispositivo para que o centro de saúde non quedase sen electricidade.

En Vilanova, o alcalde salientaba esta mañá a coordinación entre corpos, malia as dificultades para as comunicacións, tal como aconteceu no resto de concellos.

Na cidade de Pontevedra, os bombeiros tiveron que rescatar nove persoas en ascensores, entre elas unha mestra con varios alumnos no colexio Calasancio. Moitos establecementos tiveron que botar o peche, non sen dificultades. Algunhas tendas tiveron que deixar pola noite a persiana subida ou a medio baixar. Ante isto, reforzo da seguridade.

A luz volvía á capital da provincia por parroquias, nunca mellor dito.

Un dos concellos da zona nos que antes volveu o servizo foi o de Caldas, sobre as 9 e media da noite. Alí houbo tamén que rescatar unha persoa nun ascensor.

No resto de municipios, o apagón continuou ata ben entrada a madrugada. Na Illa ou Vilagarcía a luz non volvía ata as 4 e en Poio, ata as 5. En Cambados o servizo recuperouse contra ás seis. Pero noutros concellos como Sanxenxo ou O Grove non foi ata primeira hoxe da mañá, xa pasadas as 8 e media. Co subministro recuperado, os problemas seguiron nas comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés durante esta xornada nas comunicacións, con dificultade para facer chamadas ou ter acceso á internet, con cortes totais ou parciais ao longo de todo o día.