VILAGARCÍA> Vilagarcía habilitará un novo aparcadoiro disuasorio na rúa Aquilino Iglesia, no barrio dos Duráns. Un proxecto que, ademais de dotar de 120 prazas a zona, permitirá completar as beirarrúas seguindo a estética do tramo anterior. O concello investirá 265.000 euros na intervención, que se enmarcará no Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O concello de Vilagarcía habilitará un novo aparcadoiro disuasorio na vila. Será no barrio dos Duráns, na rúa Aquilino Iglesia, con capacidade para 120 prazas de estacionamento público e gratuíto. O pavimento será de xabre e disporá de recollida e canalización de pluviais.
A intervención suporá avanzar na rexeneración urbanística e na ampliación dos servizos desta zona. Tamén permitirá continuar a intervención realizada hai algo máis dun ano no primeiro trato de Aquilino Iglesia. Construirase unha plataforma única e con pavimento de formigón que facilitará dotar de beirarrúas a marxe dereita da vía. Ademais, renovaranse e soterraranse servizos.
O novo equipamento sumarase á rede municipal de disuasorios posta en marcha polo concello e integrada na estratexia Vai Car!, unha medida que, segundo o goberno local, mellora a mobilidade no municipio.
A intervención, que está previsto executar ao longo deste ano, afectará a un área de 4.400 metros cadrados de superficie. Está orzamentada en 265.000 euros que se financiarán cos fondos que lle corresponden a Vilagarcía a través do programa Máis Provincia 2026 da Deputación de Pontevedra.











