Sete parroquias ‘confluirán’ este ano nos actos de Xoves e Venres Santo de Paradela

MEIS> Máis dun cento de persoas traballan xa para darlle forma á Semana Santa de Paradela. Este ano, os actos relixiosos veñen con novidades. Por unha banda, coa recuperación da Confraría de Santa María, que levaba inactiva máis dunha década. Pola outra, pola ‘unificación’ dos actos relixiosos de Xoves e Venres Santo en Paradela de sete parroquias distintas de Meis, Ribadumia, Portas e Meaño. Trátase dun evento declarado de interese turístico galego e que aspira a converterse de interese turístico nacional.

Este ano máis ca nunca Paradela converterase no epicentro da Semana Santa no Salnés. Nesta parroquia meisina confluirán os actos relixiosos de Xoves e Venres Santo de ata sete parroquias da zona.

Esta é unha das grandes novidades da Semana Santa de Paradela deste ano. A outra é o regreso, máis dunha década despois, da Confraría de Santa María. Dende a organización salientan que con ela recupérase a esencia das escenificacións relixiosas, creadas por e para a veciñanza.

Daniel Castro mantense como personaxe principal desta Semana Santa, dándolle vida a Xesucristo. Canda a el, un cento de persoas son as encargadas de darlle forma ao conxunto de representacións.

Máis alá do aspecto relixioso, a alcaldesa de Meis salienta o que supón para o municipio contar cunha Semana Santa como esta, declarada de interese turístico galego e que aspira a converterse en nacional. Marta Giráldez pon en valor o traballo de toda a veciñanza implicada.

Como é habitual a primeira escenificación terá lugar o domingo de Ramos, coa entrada triunfal en Xerusalén. O Xoves Santo representarase a última cea e o Venres, as derradeiras horas de vida de Xesús. O domingo de Pascua Paradela despedirá a súa Semana Santa, coa recreación da Resurrección.