Ribeira licita o proxecto para a musealización da nave anexa a Cerqueira

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de sacar a licitación a redacción do proxecto de musealización da nave anexa a fábrica de Cerqueira. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 19 de xaneiro.

Ribeira segue a dar pasos para a adquisición da nave de Cerqueira en Bandourrío. O concello vén de sacar a licitación a redacción do proxecto de musealización da edificación anexa á antiga fábrica, como paso previo á compra da nave principal. O proxecto ten por obxectivo a conversión do inmoble nun equipamento cultural visitable polo que a proposta deberá equilibrar a conservación e a historial deste expoñente do patrimonio industrial.

O proxecto deberá definir os espazos expositivos e zona de interpretación sensorial mantendo o carácter industrial e con mínima interferencia en elementos como vitrinas ou pasarelas.

O orzamento de licitación é de preto de doce mil euros, financiados a través dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o concello para a execución do Plan de Sustentibilidade Turística. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 19 de xaneiro a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta.