POIO> A rapazada de Poio xa conta cun novo espazo no municipio. Esta tarde inaugurouse o novo parque infantil de Ánkar, nun acto no que, ademais do alcalde Ángel Moldes, participou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. A área de xogos ten un deseño temático sobre Cristóbal Colón cunha réplica da embarcación Santa María.
Unha réplica da embarcación Santa María de Cristóbal Colón preside o novo parque infantil do concello de Poio. A nova área de xogos para a rapazada foi inaugurada hoxe.
A figura do navegante centra o deseño deste novo parque, que amplía a capacidade do espazo, mellora a accesibilidade e garante a inclusión. Ademais da réplica da Santa María, inclúe unha segunda embarcación máis pequena, adaptada para a cativada de menos de 6 anos. Tamén hai randeeiras, con elementos para bebés e inclusivos, ou xogos xiratorios con temática mariña.
A renovación integral deste parque infantil de Ánkar realizouse con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, cun investimento de case 162.000 euros.
A inauguración converteuse nunha auténtica festa. Houbo inchables, chocolatada e animación a cargo de Javi Solla.











