RIBEIRA> Continúa a vaga de roubos en Ribeira. Desta volta foi nunha panadería onde un delincuente habitual logrou subtraer 600 euros da caixa a plena luz do día. A asociación de empresarios da localidade demanda máis presenza policial para disuadir ós ladróns.
A plena luz do día e sen violencia. Así foi o último roubo acontecido en Ribeira. Un delincuente habitual accedía ó interior desta panadería de onde levou un botín de 600 euros aproveitando un descoido da propietaria. Non se trata dun feito illado senón que se rexistran roubos practicamente a diario creando unha sensación de inseguridade entre veciños e comerciantes.
A asociación de empresarios entende que é preciso incrementar a dotación de medios e de persoal da comisaría de Ribeira posto que o número de axentes con que conta na actualidade é insuficiente.
O próximo xoves está prevista a celebración da xunta local de seguridade para abordar o incremento dos roubos e buscar unha solución coordinada entre as administracións e forzas de seguridade.











