O BNG pedirá no Parlamento a axilización das obras da travesía de Palmeira

RIBEIRA> O BNG levará unha iniciativa ó Parlamento sobre a paralización das obras da travesía de Palmeira. Instarán á Xunta a axilizar os traballos para garantir que se cumpran os prazos de execución co fin de que estean rematados para o verán.

A finais da pasada semana, o concello de Ribeira informaba da situación das obras de humanización da travesía de Palmeiras. Tras varias semanas paradas por mor dos problemas económicos da adxudicataria, a Consellería de Infraestruturas decidiu finalmente ceder o contrato a outra empresa que se encargará de finalizar a obra. O BNG demandará no Parlamento información sobre este procedemento e o retraso que implicará esta incidencia.

Os nacionalistas piden ademais que se axilicen os trámites para poder retomar as obras canto antes non só polos problemas de tráfico senón tamén polas numerosas molestias que están a supoñer para veciños e negocios da parroquia.