O BNG pide a posta en servizo do aparcadoiro da Boqueira de Anegral

BOIRO> O BNG de Boiro volve demandar a apertura do parquing da Boqueira de Anegral que actualmente se utiliza como almacén.

Os nacionalistas boirenses volven criticar a pasividade do executivo no que respecta ó aparcadoiro da Boqueira da Negral. O goberno non ten previsto poñer en marcha a instalación, aducindo que sería preciso un investimento de cento oitenta mil euros. Investimento que, segundo o BNG, non sería preciso acometer de terse aberto o parquin en lugar de desmantelalo e de ter executado o aval da empresa para corrixir as posibles deficiencias.

Respostan tamén ás declaracións formuladas polo alcalde que considera que a posta en marcha desta instalación non sería rendible, argumentando que se trata dun servizo público para a cidadanía.

Por esta razón, instan ó executivo a poñer en servizo as novas prazas de aparcamento neste contorno, onde estaba previsto o desenvolvemento dun plan parcial para a súa urbanización.

Sen embargo, entenden dende o BNG que o concello non ten intención de abrir as instalacións posto que non se destina ningunha partida nos orzamentos municipais que veñen de ser aprobados.