O concello de Boiro promovea integración laboral das persoas con discapacidade a través da ONCE

BOIRO> O concello de Boiro e a Fundación ONCE asinaron un convenio de colaboración para a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade. Promoveranse accións conxuntas de formación, capacitación e orientación así como un servizo de mediación coas empresas e o tecido asociativo.

Seguindo coas súas políticas de inclusión e integración real, o concello de Boiro vén de asinar un convenio con ‘Inserta Emprego’.

O acordo, subscrito esta mañá entre o alcalde e a secretaria xeral da da Fundación ONCE busca mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade do municipio a través de programas de formación e orientación así como un servizo de mediación entre o tecido asociativo e as empresas para a adaptación dos postos de traballo.

Na actualidade, Inserta Emprego conta en Boiro con 150 persoas con discapacidade inscritas na súa bolsa de emprego, o que pon de manifesto a aposta do concello para xerar novas oportunidades laborais entre os colectivos máis diversos.

O convenio, que conta con financiamento da Unión Europea, establece ademais a creación dunha comisión de seguimento para avaliar as distintas accións conxuntas que se porán en marcha así como os resultados reais de inserción dos participantes.