Patrimonio dá luz verde ao estudo arqueolóxico de Santa Clara e pide aumentar a súa superficie

PONTEVEDRA> Luz verde de Patrimonio ao estudo arqueolóxico de Santa Clara. A Deputación recibiu o visto bo do departamento da Xunta para realizar a intervención que pide, ademais, que se amplíe ao bosque. Así, a escavación no convento pontevedrés converterase na actuación arqueolóxica máis importante de Galicia nos últimos quince anos.

A Deputación de Pontevedra xa ten o visto bo de Patrimonio para iniciar a gran intervención arqueolóxica proxectada para o convento de Santa Clara e os seus xardíns. Pero antes de comezar, será preciso modificar o proxecto actual, xa que o departamento autonómico manda ampliar o ámbito de actuación.

Este cambio obrigará a cambiar tamén o contrato actual. A intención é que estea listo nas próximas semanas para, despois, poder solicitar a licenza no concello de Pontevedra para afrontar a intervención.

Ademais deste anuncio, Domínguez adiantou que no vindeiro pleno provincial se aprobará unha modificación de crédito para inxectar 3,5 millóns de euros máis aos 6,5 millóns que xa contempla a Deputación para Santa Clara. Contía que se completa coa achega comprometida pola Xunta.

Domínguez destacou tamén que nos máis de dous anos que leva no goberno, reformouse o proxecto para evitar construír un depósito de restos arqueolóxicos nos xardíns, iniciáronse os trámites para facer un novo depósito; licitouse a redacción do proxecto e da dirección de obra, realizáronse as catas arqueolóxicas, identificáronse pinturas antigas e mercáronse os bens de Santa Clara.