PONTEVEDRA> Os concellos de Poio e Baiona selaron hoxe o seu irmandamento turístico. Na sede da Deputación de Pontevedra, os seus alcaldes asinaron este acordo para traballar conxuntamente na protección e divulgación do Día de Colón e da Festa da Arribada. Un acordo que, explicaron, suporá un impulso para o turismo e a cultura nas Rías Baixas.
Poio e Baiona selan a súa irmandade en torno a dúas importantes citas nos municipios: o Día de Colón e a Festa da Arribada. Hoxe asinaron o acordo na Deputación de Pontevedra.
O acordo asinado terá unha vixencia de catro anos. No seu marco, os dous municipios realizarán un intercambio cultural con presenza dos dous concellos en cada unha das festas e accións divulgativas en centros educativos.
Neste irmandamento, a Deputación actuou como embaixadora. Segundo López, o acordo fará das Rías Baixas un territorio máis cohesionado, forte e unido, contribuíndo a proxectar o carácter internacional da provincia e do destino turístico.
Esta unión entre Poio e Baiona contribuirá tamén, segundo apuntou Luis López, a desestacionalizar e descentralizar a oferta turística de Pontevedra.











