Luisa Lores, candidata de Podemos: ‘Coa esquerda teremos que pactar para gobernar e ser decisivos’

PONTEVEDRA> Podemos preséntase en solitario á alcaldía de Pontevedra. A súa candidatura está encabezada por Luisa Lores, radióloga en Montecelo. Hoxe presentaron as liñas mestras do seu programa, que pasa por recuperar servizos públicos agora privatizados, defender a sanidade pública ou crear un parque de vivenda municipal. A formación concorre disposta a apoiar un goberno de esquerdas. Iso si, levando adiante as súas propostas.

Podemos Pontevedra concorre en solitario ás eleccións municipais do 28 de maio. A formación presentou esta mañá á súa candidata: Luisa Lores, radióloga no Hospital Montecelo.

A formación ten claro cales serían as súas prioridades. Apostan por recuperar servizos públicos privatizados, como a recollida do lixo, e por defender de xeito activo a sanidade pública. Opóñense a que o aparcadoiro do Gran Montecelo sexa de pago e queren manter o uso sanitario do Hospital Provincial. Tamén propoñen outro uso para o convento de Santa Clara.

Implantar autobuses eléctricos a todas as parroquias, acabar coas touradas ou incrementar o gasto social, son outras das súas propostas. En materia de vivenda, o seu programa recolle a creación dun parque de vivenda municipal para fomentar o aluguer social.

En canto ao escenario que se pode abrir despois das eleccións, Luisa Lores adiantou que están dispostos a apoiar a un goberno de esquerdas. Sempre levando adiante as súas propostas.

Fomentar a participación directa e indirecta nos orzamentos do concello, potenciar a economía circular, establecer protocolos contra as violencias machistas no lecer nocturno ou incrementar a axuda no fogar, son outras das medidas que levan no seu programa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí