PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra traslada á Consellería de Medio Ambiente un expediente con varias denuncias de veciños polos ruídos na fábrica de ENCE, na parroquia de Lourizán. Segundo os técnicos municipais, o concello non conta con mecanismos axeitados para medir a contaminación acústica dun complexo que, ademais, é de carácter supramunicipal. Os informes apuntan a que as molestias incrementaron tralas obras realizadas na fábrica en 2018. O concello reclama á Xunta que realice unha inspección ambiental.
Pontevedra traslada á Xunta de Galicia as denuncias dos veciños de Lourizán polos excesos de ruído na fábrica de ENCE. O concelleiro de Urbanismo explicou que a recepción destas queixas é constante.
O último informe elaborado polos técnicos municipais conclúe que o concello non ten os equipamentos necesarios para realizar estas medicións, pola cantidade de ruídos que hai na zona, mesmo alleos á actividade da fábrica. Por iso o goberno local reclama a intervención da Xunta xa que, ademais, ENCE ten carácter supramunicipal.
O que tamén sinala o documento técnico é un incremento das denuncias dende as obras que se realizaron en ENCE no 2018.
Ademais, Oubiña destacou que malia que a prórroga da concesión da factoría estaba vinculada á diminución dos ruídos, as queixas veciñais non deixaron de aumentar.
O expediente trasladado á Xunta inclúe denuncias acumuladas durante os anos 2018, 2019 e 2020, ademais das máis recentes.











