PONTEVEDRA> O Partido Popular cumpre un ano á fronte do goberno da Deputación de Pontevedra. Un aniversario que hoxe quixeron celebrar facendo balance. Ante un salón de plenos cheo de alcaldes e representantes de asociacións e entidades, Luis López debullou os resultados das accións de goberno do seu equipo.
O 6 de xullo de 2023 o Partido Popular recuperaba o goberno da Deputación de Pontevedra. Luis López asumía a presidencia da administración provincial, despois de dous mandatos en mans dun bipartido PSOE-BNG. Hoxe o PP celebrou o primeiro aniversario deste mandato.
A formación encheu o salón de plenos de alcaldes de todos os partidos e representantes de asociacións e entidades da provincia. López falou de tender pontes e repasou o traballo realizado no último ano baixo o título ‘Doce meses, doce fitos’.
A creación de 725 postos de traballo en concellos de menos de 50.000 habitantes, a colaboración con outras administracións e actores sociais, os éxitos no eido turístico ou a forte aposta polo deporte, foron algúns dos temas que destacou o presidente.
López tamén destacou da xestión do seu goberno a aposta por reformular o proxecto de Santa Clara, a creación do novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico ou o pago de facturas e provedores nun prazo máximo de seis días.











