AMICOS e a lonxa de Ribeira renovan o convenio para o Hospital de Corais

RIBEIRA> Os voluntarios ambientais de AMICOS seguirán a traballar na recuperación de especies mariñas trala renovación do convenio coa lonxa Ribeira. Dende o pasado ano teñen montado no recibidor da rula un hospital de corais.

O xerente da lonxa de Ribeira e o director de AMICOS renovaban esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas entidades. Mediante este acordo, os axentes medioambientais da asociación seguirán a traballar na recuperación das gorgonias mariñas no Hospital de Corais montado no recibidor da lonxa.

Dende a xerencia da lonxa non dubidaron en apostar por este proxecto que representa os valores da empresa tanto no que respecta á pesca sostible como a integración das persoas con discapacidade.

Ademais da vertente social e ambiental, este proxecto busca sensibilizar á cidadanía, en especial ós máis novos, sobre a necesidade de coidar o noso mar e restaurar os fondos mariños para garantir o seu futuro.