RIBEIRA> A Policía Nacional de Ribeira incautou nunha nave da localidade dúas lanchas preparadas para o narcotráfico. O inmoble no que se atopaban contaba ademais cun sofisticado servizo de cámaras de vixilancia.
As imaxes que ven foron tomadas polos propios axentes da Policía Nacional adscritos á comisaría ribeirense. Nelas obsérvase a nave na que foron localizadas as dúas lanchas, que estaban preparadas para o seu uso en operacións de narcotráfico. Unha das embarcacións, duns trece metros de eslora, estaba equipada con dous potentes motores, e á outra, de maior tamaño, podíanselle acoplar ata catro. Segundo se ve nas imaxes, a nave en cuestión dispoñía dun sofisticado sistema de vixilancia a base de cámaras. Ademais o inmoble contaba con acceso directo á ría de Arousa . Na operación foi intervido tamén un elevador que seguramente fora empregado no manexo das dúas embarcacións . A investigación segue aberta, e non se descarta a detención dalgunha persoa que puidera estar vinculada con este achado.