A ILLA> Luz verde aos orzamentos máis altos da historia da Illa de Arousa. As contas, que acaban de ser aprobadas no pleno, superan os seis millóns de euros. Saíron adiante cos votos do equipo de goberno e o ‘non’ da oposición. Os populares critican que se volvan subir impostos e o afán recadador do concello. Mentres, dende o executivo, lamentaron a negativa do PP a estas contas, que como principal investimento contemplan a compra de terreos para unha nova zona deportiva.
Orzamento de récord para este 2026 na Illa de Arousa. As contas municipais superan os seis millóns de euros, converténdose nas máis altas da historia do municipio. O presuposto saía adiante no pleno, cos votos a favor do equipo de goberno, composto por PSOE e BNG. En contra, o PP e o concelleiro non adscrito Matías Cañón.
O alcalde destaca no capítulo de investimentos a partida para a adquisión de terreos para unha nova zona deportiva. Para iso vanse destinar máis de 800.000 euros.
E neste punto é onde chegou unha das polémicas entre goberno e oposición. O executivo acusounos de votar en contra deste proxecto co seu ‘non’.
Dende o executivo acusan a Cañón de mentir amosando o documento de investimentos onde se contempla a compra deses terreos. Pero as críticas dos populares van máis alá, A través das redes sociais, falan de afán recadatorio do concello a través de multas e de subir de novo os impostos á veciñanza.
Máis alá destas polémicas, o alcalde salienta outros proxectos que se contemplan nos orzamentos. Entre eles, a restauración do cruceiro esnaquizado no 2023 nun acto vandálico. Tamén a adquisición dun novo vehículo para a Policía Local.
E inclúense outras medidas, como impermeabilizar unha cuberta no ximnasio ou seguir avanzando na rede de saneamento.











