BARBANZA> A entrega de premios tiña lugar na tarde-noite de onte nunha gala celebrada en Oleiros, presidida polo presidente da institución provincial Valentín González Formoso.
Por cuarto ano a Deputación da Coruña fixo entrega dos premios PEL, uns galardóns que recoñecen o talento e a innovación das empresas da provincia. Á presente edición presentáronse un total de 74 candidaturas que optaban a levarse o premio nunha das tres categorías existentes: mellor iniciativa empresarial nova, mellor iniciativa empresarial consolidada e concello promotor do emprego de calidade.
O xurado, despois de analizar tódalas candidaturas, decidiu premiar á empresa Albarari coma mellor iniciativa empresarial nova. Galchimia fíxose co premio na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada, mentres que o concello de Brión resultou elixido coma mellor concello promotor do emprego de calidade.
Coma novidade este ano, decidiu crearse tamén unha nova categoría, a de mellor iniciativa empresarial innovadora na loita contra a covid. Un galardón que foi a parar á ‘startup’ tecnolóxica Bionixsupplychain Technologies por crear, en tempo récord e en plena pandemia, un respirador artificial de baixo custe.
A entrega de premios estivo presidida polo presidente provincial, Valentín González, quen destacou a alta calidade de tódalas candidaturas presentadas, e que, segundo el, evidencian o enorme potencial que posúe a provincia coruñesa, nun ano ademais complicado en plena pandemia.
No transcurso da gala fíxose entrega tamén ó Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Bioga, do premio como mellor asociación empresarial da provincia e á xornalista de El País, Sonia Vizoso, como mellor comunicadora en materia de emprego, industria e economía.