Noia pon en valor ás mulleres do mar polo 8M

NOIA> A celebración do 8 de marzo no Barbanza acolleu actos do máis variado. Dende mobilizacións como a da Pobra ata o roteiro para poñer en valor a memoria das mulleres do mar que se celebrou en Noia.

As mulleres do mar foron as protagonistas do 8 de marzo en Noia. O concello programou para conmemorar esta data un roteiro que baixo o epígrafe ‘Memoria das Mulleres’ reuniu a mariscadoras históricas da vila, representantes da agrupación de mariscadoras a pé e familiares da armadora homenaxeada. Antes da saída, tivo lugar un pequeno acto na alameda onde a concelleira de Igualdade deu lectura a un manifesto.

A primeira parada do percorrido foi ó principio do paseo marítimo onde se inaugurou a Praza das Mariscadoras. Alí descubriuse unha placa conmemorativa que oficializa a nova denominación deste espazo, escenario simbólico do intenso traballo das mariscadoras noiesas que durante décadas sostiveron a economía e a identidade mariñeira da vila.

Outro dos puntos claves do percorrido foi o Museo do Mar que a partir de agora levará o nome de Carmen Barcia en recordo da histórica armadora noiesa. Familiares e amigos participaron neste acto poñendo en valor a súa traxectoria profesional e a contribución á historia marítima de Noia.

Tralo roteiro, os participantes déronse cita na festa pola igualdade celebrada na rúa do Curro con diversos obradoiros e a animación musical das DJs Rapariga e Yaya.