A oposición de Ribeira propón revisar o proxecto do carril bici

RIBEIRA> BNG, PSOE e o grupo de non adscritos presentaron unha moción conxunta solicitando a revisión do proxecto do carril bici entre o casco urbano de Ribeira e Palmeira. Consideran que a proposta do goberno, cun investimento próximo ós 600 mil euros, non garante a seguridade nin a funcionalidade da infraestrutura.

Se ben os grupos da oposición apoian a creación dun carril bici que conecte o casco urbano de Ribeira coa parroquia de Palmeira, consideran que o proxecto presentado polo goberno non é o máis axeitado posto que non garante a seguridade nin a mobilidade sostible. O trazado non é lineal senón que cruza a estrada os poucos metros de iniciar o percorrido.

Denuncian tamén que o proxecto suporá unha importante afección á veciñanza coa redución de espazos para aparcamento e a eliminación de beirarrúas nalgúns treitos onde se atopan numerosas vivendas como a recta de Palmeira.

En materia de turismo, entenden que o trazado non conecta cos principais puntos de interese posto que o carril bici discorrería pola marxe contraria obrigando ós ciclistas a atravesar a estrada e realizar manobras que poden supoñer un risco para a súa seguridade.

Por todos estes motivos defenderán unha moción conxunta no pleno do próximo luns solicitando a reconsideración dun treito do actual trazado para configurar unha alternativa para garantir a seguridade, integración e funcionalidade da infraestrutura.