RIBEIRA> O concello de Ribeira pechará o mes de maio cunha actividade que busca promover o uso da lingua a través da música. O concerto que leva por título ‘Fálame así, cántame así’ reunirá o 29 de maio no parque García Bayón a Alddara, Novelouro e os DJs Mateo Abelleira, Diego Tercero e Mateo Fajardo.
A programación do mes das letras contará en Ribeira cun broche de ouro musical. O 29 de maio terá lugar un concerto no parque García Bayón cun cartel de luxo composto por Alddara, 9louro e varios djs locais.
Aínda que o inicio do concerto está programado para as dez da noite, o espectáculo dará comezo unha hora ante coa actuación dos alumnos do curso de DJ que este mesmo sábado arranca na Casa da Xuventude.
O obxectivo destas actividades, promovidas polas concellerías de Xuventude e Educación, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua é fomentar o uso do galego entre a mocidade a través da música.











