Boiro pide a realización dun cribado masivo

BOIRO> A actual situación do Concello, dende a pasada semana en nivel 3 de alerta, levou ó executivo boirense a solicitarlle ó Sergas un cribado masivo para o municipio. As autoridades locais considérano a mellor fórmula para detectar posibles casos asintomáticos e frear os novos contaxios.

O aumento importante nos niveis de contaxios, dende a pasada semana o Concello sitúase en nivel 3 no mapa de alerta covid da Xunta, foi unha das principais razóns que levou ó executivo boirense a tomar esta decisión e trasladarlle ó Sergas a solicitude dun cribado masivo de probas PCR para detectar posibles casos asintomáticos. Con esta medida preténdese frear a elevada taxa de novos contaxios no municipio, e evitar así, que se produza un importante golpe económico e social no tecido industrial e por consecuencia nas persoas e familias que dependen directamente del. Tamén se solicitou a colaboración da policía autonómica para intensificar o control e vixilancia sobre a poboación no cumprimento das restricións e medidas de seguridade.

Dende o Concello tamén se fai un chamamento á veciñanza para que extreme as precaucións e cumpra coas medidas de seguridade como son o uso obrigatorio de máscaras, a distancia social e evitar as aglomeracións.