RIBEIRA> O executivo ribeirense vén de licitar a construción do parque infantil na praza do Centenario despois de que finalizase o proxecto de reordenación deste espazo. O orzamento destinado a este fin ascende a uns 212 mil euros e as empresas interesadas en facerse con esta actuación poden presentar xa as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta. O prazo remata o vindeiro 13 de maio.
Rematadas as obras de reordenación levadas a cabo no entorno da praza do Centenario e o novo auditorio, no que se creou unha gran área rectangular destinada a albergar unha área de xogos infantís, o goberno local vén de sacar a licitación a construción dun novo parque para os máis cativos. Neste caso a intención do goberno local pasa por levar a cabo un proxecto deseñado con elementos diferentes ós situados no resto de zonas recreativas da cidade, para que os nenos teñan unha mellor oferta de áreas de ocio.
O investimento destinado a esta actuación ascende a preto dos 213 mil euros. As empresas interesadas poden presentar xa as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta. O prazo estará aberto ata o vindeiro 13 de maio. A intención do executivo é que a nova instalación entre en servizo antes de que remate o ano.











