RIBEIRA> Ribeira avanza no Plan de Sostibilidade Turística en Destino coa posta en valor do seu patrimonio. O concello vén de adxudicar o alumeado no miradoiro de Punta Castro. Unha actuación que ascende a algo máis de 32 mil euros para complementar o proxecto de rehabilitación da antiga fábrica de salgadura para convertela en museo.
A adxudicación do proxecto de alumeado na contorna do miradoiro e centro de interpretación da paisaxe en Punta Castro dotará de valor engadido ó conxunto arquitectónico da antiga fábrica de salgadura. Trátase dunha iluminación integrada que reforzará a lectura dos elementos e facilitará o percorrido cunha mellor compresión espacial, histórica e material da zona.
A encargada de executar o proxecto será a empresa Montaxes Eléctricas Noroeste que xa iniciou os traballos que poderán estar rematados a finais do mes de xuño.











