Dimite a edil de Educación e Política Lingüística de Rianxo, Adelina Ces

RIANXO> Ó parecer a dimisión prodúcese por motivos persoais. Detrás da súa decisión parece non existir ningún tipo de desavinza.

Aínda así o ruxe-ruxe na rúa di que no trasfondo pode estar a perda de confianza do rexedor nos últimos anos e un menor peso político tralo acordo de investidura asinado polo BNG cos socialistas a principios deste mandato.

A exedil xa presentou o escrito de renuncia á súa acta de concelleira da corporación municipal, que deberá ser ratificada na vindeira sesión plenaria, algo que previsiblemente se dará xa este mércores, data na que está prevista a celebración dun pleno extraordinario.

A súa vacante será ocupada polo seguinte na lista nos anteriores comicios municipais, Xosé Vázquez.

A marcha de Adelina Ces obrigará o alcalde, Adolfo Muíños a ter que realizar unha reestruturación do seu equipo de goberno e ver quen se encargará a partir de agora das áreas que ocupaba a xa exedil.

Tamén deberá tomar unha decisión sobre a dedicación parcial da que se beneficiaba, se a mantén con outro edil, ou se, pola contra, a elimina.