Boiro pon en marcha un protocolo para previr as violencias no ocio nocturno

BOIRO> O concello de Boiro elaborou un protocolo de prevención de violencias nos ámbitos de ocio. Ademais de dar a coñecer os distintos tipos de violencias, este programa busca ofrecer un recurso formativo para hostaleiros, asociacións ou entidades relacionadas cos espazos de lecer.

Dar a coñecer os tipos de violencias machistas, sexuais e LGTBfóbicas que existen para identificalas e previlas. Este é o principal obxectivo do Protocolo para a prevención da violencia nos ámbitos de ocio que vén de elaborar o concello de Boiro.

O documento, redactado pola criminóloga Débora Viturro e coordinado polo CIM, está baseado nun estudo da Universidade da Coruña que avalía os espazos de lecer considerados menos seguros para cambiar esta tendencia a través da concienciación e prevención.

O protocolo está a disposición dos distintos locais de hostalería así como asociacións relacionadas coa mocidade ou comisións de festas como un recurso formativo que permita crear unha rede de espazos seguros e libres de violencias no ocio.