VILAGARCÍA> O 30% das dez vivendas públicas que se van construír en Marxión, en Vilagarcía, serán para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos. Tamén se reserva outro 25% para menores de 36 anos. Avanzouno dende a propia parcela a conselleira de Vivenda. Este mércores saíron a licitación as obras destes fogares, que se van construír nunha parcela cedida polo concello. Conta cun investimento próximo aos dous millóns de euros.
Nesta parcela de Marxión, en Vilagarcía, vanse construír 10 vivendas públicas destinadas á venda. Un 30% destes fogares vanse reservar para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos. Outro 25% será para menores de 36 anos.
Anunciouno este mércores a conselleira dende a propia parcela, no mesmo día no que saíron a licitación as obras destes fogares.
Martínez Allegue di que se axilizarán o máximo posible os trámites para que sexan unha realidade o antes posible. A conselleira fala dunha promoción de vivendas de calidade, accesibles e con criterios de eficiencia enerxética e sostibilidade.
Esta promoción vaise construír nunha parcela cedida polo concello. O alcalde agarda máis colaboracións deste tipo no futuro.
En Vilagarcía, a Xunta está tamén a desenvolver, en colaboración co Concello, un Proxecto de Interese Autonómico no ámbito das Carolinas, onde se urbanizará solo para posibilitar a construción de 350 vivendas, o 80% protexidas. A actuación está en fase de redacción do proxecto, a piques de someter a tramitación ambiental.











