Ruíz e Vilas selan o acordo que permitirá aprobar os orzamentos

RIBEIRA> Tal e como se anunciara a pasada semana, esta mañá procedeuse á oficialización do acordo entre o grupo de goberno (o Partido Popular) e o Partido Socialista. O alcalde, Manuel Ruíz, e o voceiro do grupo socialista, Xosé Manuel Vilas, asinaron un protocolo no que se inclúen un total de 14 actuacións que os socialistas consideraron prioritarias para dar o seu respaldo ós orzamentos.

O salón de plenos do Concello foi o lugar escollido para rubricar este acordo que se levaba fraguando dende hai varios meses. O grupo socialista foi o único dos partidos da oposición que decidiu recoller a luva do executivo local e presentar propostas para que foran incluídas no documento orzamentario. Fixeron un total de 14 achegas na que se recollen actuacións para eles indispensables para o desenvolvemento presente e futuro do municipio.

O alcalde, Manuel Ruíz, insistiu na importancia de sacar adiante uns orzamentos, e non ter que traballar con eles prorrogados, nun ano ademais nos que se dá unha oportunidade histórica.

Ruíz tivo palabras de agradecemento para o Partido Socialista…pero tamén de crítica para o resto de grupos da oposición con representación na corporación que nin sequera tiveron a ben facer as súas achegas.

O documento orzamentario ascende a algo máis dos 36 millóns de euros, o que supón case un 50% máis con respecto ó último aprobado. A intención do executivo pasa por poder levalo xa a pleno este mesmo mes de setembro para a súa aprobación inicial.