O concello de Boiro investirá máis dun millón de euros en obras de pavimentación

BOIRO> O concello de Boiro destinará máis dun millón de euros a obras de pavimentación e renovación de servizos en todo o municipio. Os proxectos, previsto tanto no casco urbano como nas parroquias, sairán a licitación antes de que acabe o ano.

Ó longo deste último trimestre do ano, o concello de Boiro vai sacar a licitación varias actuacións de mellora de servizos que ascende en total a máis dun millón de euros. Destacan os proxectos para a renovación do asfaltado en varios treitos municipais como a avenida da Constitución, a zona do Saltiño ou a rúa Breiro, entre outras.

As obras tamén se desenvolverán nas parroquias con actuacións como o pavimentado e mellora da rede de pluviais na Agra Vella en Cabo de Cruz e varios asfaltados en Lampón e Abanqueiro.

Está previsto tamén o arranxo da pista pública que dá acceso ó depósito municipal de Espiñeira, dado o seu avanzado estado de deterioro. Algúns dos proxectos xa está dispoñible na Plataforma de Contratación Pública para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.