RIBEIRA> A Mancomunidade Barbanza Arousa renovou o seu compromiso de colaboración coa asociación cultural Alberto Romero. No marco do acordo desenvolverase a novena edición do certame de curtas que promove a asociación para fomentar a creación audiovisual entre os máis novos.
Nove anos despois da súa posta en marcha, o certame de curtas Alberto Romero converteuse xa nun referente comarcal. De aí, que a mancomunidade de municipios Barbanza Arousa siga a apostar por esta iniciativa, renovando o seu convenio anual. Xa está aberto o prazo para a presentación de traballos.
Entre as diversas categorías a concurso, repartiranse 1800 euros en premios, entre os que destaca o de Barbanza Arousa dedicado nesta edición ó mundo do mar.
Ademais do certame a asociación Alberto Romero traballa todo o ano na promoción da cultura audiovisual entre os mozos, con cursos para escolares.











