PONTEVEDRA> A campaña de vacinación da gripe xa está en marcha nos centros escolares. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés son nove os que están a participar neste programa piloto. Un deles, o CEIP A Xunqueira 2 de Pontevedra. Comezaron esta mañá, vacinando ao alumnado de 3 a 11 anos na biblioteca do centro e sen picadas.
O colexio A Xunqueira 2 é un dos centros escollidos para participar no proxecto piloto de vacinación antigripal entre a cativada. Unha iniciativa que arrancou hoxe.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés son nove centros os escollidos, con 3.115 escolares chamados a vacinarse. Na Xunqueira 2 a cativada de 3 a 11 anos que contaba coa autorización parental, foi pasando pola biblioteca do centro. Aquí a vacinación facíase vía intranasal, evitando as picadas.
A iniciativa esténdese este curso a 75 centros educativos de Galicia, 20 máis que na edición anterior, co obxectivo de chegar a 26.536 escolares e avanzar cara a unha cobertura antigripal do 60 % na poboación infantil.
Ademais da Xunqueira 2, a campaña desenvólvese no Vilaverde-Mourente, no Sagrado Corazón de Xesús e na Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, en Pontevedra; no Sonrisas y Lágrimas, na Illa de Arousa; no San Tomé, en Cambados; no San Narciso, en Marín e no Arealonga e no Sagrada Familia, ambos en Vilagarcía.
Os que se vacinen marcharán cun adhesivo, un diploma e a sensación do deber cumprido.











