PONTEVEDRA> Empeoran as listas de espera na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A 30 de xuño, o tempo medio de agarda por unha cirurxía era de 90,7 días, un mes máis que no balance anterior. No caso das consultas con especialistas, a espera media está en 70 días. Dende a xerencia apuntan que son cifras que recordan aos niveis postpandemia e responsabilizan á folga de médicos contra o estatuto marco e ao absentismo nas citas.
As xornadas de folga do colectivo médico contra o estatuto marco convocadas nos seis primeiros meses destes 2026 condicionaron a actividade asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. É un dos motivos que dan dende a xerencia para explicar o incremento das listas de agarda.
O outro motivo, o absentismo dos pacientes ás citas programadas sen previo aviso. Calculan que entre un 10 e un 20% de consultas en especialidades se perden por este motivo.
En cifras, o xerente asegurou que a suspensión da actividade asistencial en horario de mañá pola folga supuxo non poder realizar máis de 900 cirurxías e 24.500 consultas. Ademais, a negativa dos profesionais a traballar de xeito voluntario polas tardes levou a que non se programaran 1.228 operacións.
Actualmente, o tempo de espera medio para unha cirurxía na área sanitaria é de 90,7 días. Salvo no caso dos pacientes de prioridade 1, nomeadamente os oncolóxicos, que esperan 16,5 días. En canto ás consultas, a agarda media é de 70 días, destacando os 138 días de Neuroloxía e os 86,8 de Oftalmoloxía.
Dende a área sanitaria recordan que a partires de mañá activaranse as notificacións por SMS para as citas de atención especializada.











