Os xardíns de Santa Clara abrirán ao público no 2027 despois dunha recuperación paisaxística

PONTEVEDRA> Os xardíns de Santa Clara abrirán á cidadanía no 2027. É a data anunciada hoxe polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra. Segundo Rafa Domínguez, proximamente porase en marcha un proxecto de recuperación paisaxística e acondicionamento funcional, dotado cun orzamento de máis de 820.000 euros. O prazo de execución será de catro meses pero a apertura tardará ao redor de 8 ou 10 meses.

Despois de 700 anos pechados, os xardíns de Santa Clara abrirán ao público no 2027. É a previsión que manexa a Deputación de Pontevedra. Unha apertura que se producirá despois de executar un proxecto de recuperación paisaxística e acondicionamento do espazo.

A actuación conta un orzamento de licitación de algo máis de 820.000 euros e un prazo de execución de catro meses. E permitirá poñer a disposición da cidadanía arredor de 4.500 metros cadrados no centro da cidade.

A Deputación remitiu o proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio o 10 de agosto e achegou a documentación requirida o 17 de setembro. O 5 de outubro presentou a versión definitiva. Agora, a institución provincial agarda recibir a autorización de Patrimonio de forma inminente para solicitar ao Concello de Pontevedra a licenza municipal e continuar coa tramitación da contratación.

As obras incluirán a mellora dos sistemas de drenaxe e rega, a instalación de mobiliario integrado na contorna e a renovación dos percorridos interiores. Non se instalará iluminación permanente, xa que os xardíns permanecerán pechados pola noite. A previsión é que abran ao público de 10 da mañá a 7 da tarde, con ampliación durante o verán.