Fabiola García pon en valor a contribución de AMICOS á conservación do medio mariño

BOIRO> A Conselleira de Política Social coñeceu os numerosos proxectos medioambientais que ten en marcha a asociación AMICOS. Ademais da visita ó centro ocupacional de Comoxo, tivo ocasión de desprazarse ata Sálvora para participar nunha xornada de recollida de lixo mariño.

Acompañada pola Directora Xeral de Persoas con Discapacidade, a Conselleira de Política Social coñeceu de primeira man as acividades medioambientais que desenvolven os voluntarios da asociación AMICOS, principalmente relacionadas co coidado dos mares.

Na súa parada no Centro de Atención Integral de Comoxo visitaron o laboratorio de algas onde os usuarios lles amosaron as técnicas para a recuperación de diversas especies en perigo de extinción.

Fabiola García, que deixou a súa pegada nunha das gorgonias recuperadas,  puxo en valor o importante papel que realiza a asociación, non só no eido da formación e inclusión das persoas con discapacidade, senón tamén pola súa contribución á recuperación do ecosistema mariño.

A xornada rematou cunha visita a Illa de Sálvora para participar na limpeza de fondos mariños levada a cabo por mergulladores da confraría de Aguiño.