BOIRO> Emotiva despedida a Jesús Alonso esta fin de semana en Boiro. Centos de persoas acudiron a dar o último adeus ó empresario que recibiu sepultura este sábado no cemiterio de Vista Alegre.
O estupor tras coñecerse o falecemento de Jesús Alonso o pasado venres deu paso ás mostras de afecto que se sucederon durante toda a fin de semana para despedir ó fundador de Jealsa. Trala declaración de tres días de loito oficial, a corporación municipal celebrou un pleno extraordinario como mostra de condolencia, recoñecemento e respecto á figura de Alonso.
O tanatorio de Santa Eulalia quedou pequeno para os centos de persoas que se achegaron a acompañar á familia nestes duros momentos. Ademais de amigos, traballadores e veciños, ata o lugar desprazáronse numerosas personalidades da vida política, entre eles o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Todos quixeron amosar o seu respecto ó empresario e ex alcalde. Tamén o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, que asistiu ó funeral celebrado na igrexa de Santa Eulalia o sábado a mediodía, e ó multitudinario enterro no cemiterio de Vista Alegre, que rematou cunha cálida e emotiva ovación.
Ademais da extensa familia que formou xunto coa súa esposa, Pura Escurís, con 5 fillos e 11 netos, Jesús Alonso deixa tras de si un legado incalculable. Non só no que se refire á súa contribución empresarial como como fundador e promotor dun dos principais grupos conserveiros en todo o mundo, senón tamén polo seu labor como alcalde durante dúas lexislaturas nas que fixo todo o posible por Boiro, o seu pobo tan querido, no que de seguro sempre perdurará o seu recordo.