As festas do verán de Boiro tampouco se celebrarán este ano

BOIRO> O Concello decidiu suspender os festexos a consecuencia da pandemia provocada polo Covid-19.

Era un segredo a voces e hoxe foi confirmado. Finalmente as festas do verán de Boiro que se celebran tódolos anos na primeira semana de xullo non terán lugar. Como pasou tamén con outras citas festivas noutros concellos, o executivo boirense decidiu tomar esta decisión para evitar así as aglomeracións e minimizar os riscos de contaxio.

Aínda así o departamento de Cultura está a expensas das directrices que marque o Goberno Central en canto á celebración de actividades e eventos, traballando en posibles alternativas de programación para este verán. A idea a é manter programación cultural, en pequeno formato, contando con artistas locais que son fundamentais para o desenvolvemento cultural no municipio.

Tamén se segue a traballar por manter a publicación da revista Folía, que se edita co gallo das festas. Esta publicación, que sempre conta con empresas colaboradoras, será este ano gratuíta para todas elas, co obxectivo de seguir mantendo eses vínculos co comercio local e tamén para agradecerlle ó empresariado o seu esforzo nesta situación difícil.