Rescatados en bo estado os tres tripulantes dunha embarcación que envorcou na Pobra

POBRA> Foi a chamada dun particular á Policía Local, pasadas as dez e media desta mañá, alertando de que unha embarcación con tres tripulantes a bordo acababa de envorcar e afundir fronte á costa da Pobra.

Unha vez alí, os axentes, vendo o que estaba acontecendo, avisaron ó 112, dende onde se estableceu un operativo de rescate, coordinado polo Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra, que mesmo chegou a mobilizar á Salvamar Sargadelos.

Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais. Un barco bateeiro que estaba pola zona foi o primeiro en socorrer e rescatar ós mariñeiros que se atopaban subidos á quilla da embarcación.

Polo de agora descoñécense as posibles causas do naufraxio deste barco, co nome ‘Pavía’ con porto base en Cambados.