A Escola de Música de Rianxo celebrou un multitudinario festival de Nadal

RIANXO> Despois de dous anos sen celebrarse de xeito presencial, a consecuencia da covid, a Escola de Música de Rianxo celebrou esta pasada fin de semana a súa tradicional audición de Nadal.

Fíxoo ademais en varias xornadas debido ó alto número de alumnos matriculados. Nas dúas sesións programadas celebradas no auditorio municipal colgouse o cartel de completo, sendo numerosas as persoas que, aínda querendo, non puideron asistir.

Foi un público maioritariamente familiar e moi entregado, que seguiu con especial atención as distintas interpretacións dos máis de cen alumnos que se subiron ó escenario para mostrar, cada un co seu instrumento, os coñecementos adquiridos ó longo do primeiro trimestre do curso.

Sen dúbida un dos momentos máis agardados por todos foron as actuacións dos máis pequenos da escola, os alumnos de ‘Música e Movemento’, así como os dos primeiros cursos de solfexo que, coa súa peculiar soltura, e ante a atenta mirada de tódolos presentes, foron quen de interpretar de xeito conxunto unha divertida selección de cancións propias destas datas de Nadal.

Especial foi tamén a actuación dos alumnos integrantes da Banda Infantil. Eles foron os encargados de poñer o punto e final ó festival coa interpretación de varias panxoliñas.

Foi o mellor agasallo, co que a Escola, quixo compartir os mellores desexos para estas datas tan especiais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí