O concello de Pontevedra celebra a sentenza e demanda a ENCE e á Xunta a busca de emprazamentos alternativos

PONTEVEDRA> Dende o concello de Pontevedra, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores cualificou a sentenza do Alto Tribunal como un fracaso estrepitoso do Partido Popular e de ENCE. Para o tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, hoxe é un bo día para a cidade e apelou a buscar alternativas na mesa de negociación.

A decisión da Audiencia Nacional de anular a prórroga de ENCE parte de recursos de Greenpeace e do concello de Pontevedra. Hoxe o alcalde celebraba a decisión, cualificando a ampliación da concesión de “cambalache ilegal”.

Fernández Lores acusa ao Partido Popular e á dirección de ENCE de poñer en perigo a actividade da fábrica pontevedresa e dos seus postos de traballo. Ademais, emprázaos a buscar unha ubicación alternativa para garantir o futuro da pasteira.

Tamén o outro partido do goberno pontevedrés celebrou a sentenza da Audiencia Nacional. Para os socialistas hoxe é un bo día para Pontevedra, e o seu voceiro apelou á mesa de negociación que propoñen dende o seu partido para atopar unha alternativa a Lourizán.

Fernández insistiu en que contan co compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para facer todo o necesario para que ENCE poida consolidar a súa actividade industrial fóra da súa localización actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí