PONTEVEDRA> Pontevedra bautiza o ata o de agora coñecido como Sexto Edificio do Museo. Dende onte chámase Edificio Castelao, unha decisión coa que se quere corrixir o que se consideraba unha inxustiza histórica. Non en van, o intelectual galeguista foi un dos impulsores de propio Museo. Ademais ata o vindeiro 23 de xaneiro esta sede da entidade acolle a exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921.
A sede central do Museo de Pontevedra xa loce na súa fachada o seu novo nome. O ata o de agora coñecido como Sexto Edificio pasa a ser o Edificio Castelao, bautizado na honra do ilustre intelectual galeguista.
Así, o Museo e a Deputación de Pontevedra queren dar a Castelao a relevancia que merece. Non en van, el foi un dos impulsores da creación da propia entidade. Segundo a presidenta provincial, Carmela Silva, a decisión é un acto de xustiza, de memoria e de lóxica. Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera criticou que non se fixera antes e asegurou que a nova simbiose entre Pontevedra, Castelao e o Museo aumentará a proxección de todas as partes.
O acto celebrado onte coincidiu coa entrega simbólica da reedición do Álbum Nós da editorial Galaxia. Tamén coa inauguración da exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921. A mostra poderá visitarse nesta sede central do Museo de Pontevedra ata o 23 de xaneiro de 2022.