PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra activa unha nova convocatoria das axudas aos sectores máis golpeados pola crise da covid19. Xa están finalizadas as bases para o plan Supera21, que prevé mobilizar 900.000 euros ampliables. As achegas terán dous posibles destinos: gasto en investimento ou gasto corrente, cubrindo ata o 70% cun máximo de 5 mil euros. Como novidade, o concello adiantará o 100% da axuda.
Xa están listas as bases para o Plan Supera21, as axudas postas en marcha dende o concello de Pontevedra para paliar os efectos da covid19 na economía local.
O concello destina a este plan 900.000 euros, que poderán ampliarse en función da demanda. Como novidade, este ano diferéncianse dúas convocatorias. Así, 600.000 destinaranse a apoiar investimentos.
A contía restante, 300.000 euros, apoiarán gastos como a compra de material anticovid, a creación de plataformas para o comercio online, os custos da entrega a domicilio, a publicidade ou a reparación de mobiliario.
Outra das novidades do Supera21 é a contía do adianto, que pasa do 75% na convocatoria pasada ao 100% da axuda. Recordemos que pode subvencionarse ata o 70% do gasto, cun máximo de 5.000 euros. A primeira liña en saír será a de investimentos, pendente da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Despois abrirase un prazo dun mes para presentar solicitudes e recibirán máis puntuación aquelas que se presenten correctamente.