‘As mulleres que opinan son perigosas’ recupera o foro do 2018 cun libro de crónicas e entrevistas

PONTEVEDRA> O foro ‘As Mulleres que opinan son perigosas’ terá unha nova edición. Será a quinta, e recuperará o formato presencial. A cita aínda non ten data pero para abrir boca, as organizadoras lanzan un libro no que recuperan os relatorios do seu nacemento no 2018. Ademais de transcribilos en formato de crónica, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López entrevistan ás 13 mulleres que participaron para coñecer como pensan catro anos e unha pandemia despois daquela primeira edición.

Catro anos e unha pandemia despois, o foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’ mira cara as súas orixes. As xornalistas Susana Pedreira e Diana López lanzan un libro no que recollen o que deu de si esta primeira cita.

Pero non só iso. Neste libro, as organizadoras do foro volven recorrer ás 13 mulleres que participaron nesa primeira edición para coñecer que pensan na actualidade.

A obra está dividida en 15 capítulos, que recollen os relatorios e as dúas mesas redondas que incluíu aquela primeira programación.

Segundo Pedreira e López, ‘As mulleres que opinan son perigosas’ naceu como un berro ás portas dun 8M, Día Internacional da Muller, que foi un histórico punto de inflexión para o movemento feminista, cando se convocou a primeira folga.

A presentación oficial do libro será o vindeiro martes ás 19.00 horas na Deputación de Pontevedra.

Pendente aínda de fixar data, as organizadoras adiantan que o foro terá unha quinta edición recuperando a presencialidade no Teatro Principal de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí